sobre El Petiso

El Petiso é un pequeno obradoiro de xoiaría e outras cousiñas situado en Monte Alto, A Coruña. Aquí as pezas nacen devagar, feitas a man, unha a unha, con tempo e atención.

O taller é tamén un espazo para aprender, experimentar e crear. Ofrecemos obradoiros en grupos reducidos, onde as mans —aínda que sexan inexpertas— se achegan aos materiais, ás ferramentas e ao pracer de facer algo propio desde cero.

Traballamos cunha colección propia de xoias, encargos personalizados e cursos pensados para quen queira iniciarse ou seguir explorando este oficio. Non é preciso ter experiencia, só ganas de probar e deixar que as ideas collan forma.

Benvida a este recuncho tranquilo, onde o importante é facer con calma e con sentido.